Ata pronto!

Para pechar este proxecto gustaríanos comentar o esforzo e dedicación que hai detrás do resultado final.

En relación ao blog, esixiunos poñernos en contacto cun recurso educativo co que nunca traballaramos. Por outra banda, as actividades deseñadas co programa informático en Ardora, foron todo un reto para nós. Moitas das actividades non sabíamos como facelas, unha concretamente tivemos que modificala, pero pelexando e dedicándolle moito tempo conseguimos sacar adiante un proxecto do que estamos moi orgullosas!

Esperamos que vos gustasen as actividades que aquí mostramos, aínda que non puideron ser todas por cuestións de tempo, e que nun futuro poidamos aproveitalas nas nosas aulas.

Que mellor día que hoxe, 17 de maio, día das nosas letras e da nosa cultura, para dar por rematado un proxecto no que puxemos todo o noso agarimo. Deixámosvos aquí uns versos do poema de Rosalía, a partir do cal articulamos todo o noso proxecto:

Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,

prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,

muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,

amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
caminiños antre o millo,
¡adiós, para sempre adiós!

Rosalia 1

Publicado en Sen categorizar | Deixa un comentario

ACTIVIDADE FINAL: VISITA AO MUSEO DO POBO GALEGO

Bos días a todos e a todas! Para rematar o proxecto, pensamos que sería unha boa idea levar aos nenos e nenas de visita ao Museo do Pobo Galego. Explicámosvos a continuación o motivo.

O Museo do Pobo Galego é un organismo ao servizo da comunidade comprometido coa salvación de tradicións e costumes de Galicia que están olvidadas ou relegadas. Posto que un dos motivos principais para a elección da temática da música tradicional galega como eixo do noso proxecto foi a importancia de manter as tradicións, que se están perdendo co paso do tempo, cremos que é unha forma ideal de rematar o proxecto levando aos nenos e nenas a dito museo.

O museo conta con nove salas permanentes, das cales os nenos e nenas visitarían dúas: a da música e a da memoria e tradición.

 

File:Santiago de Compostela - Iglesia y ex Convento de Santo Domingo de Bonaval (actual Museo del Pueblo Gallego) 01.jpg

 

Despois da visita ao museo, realizaríamos no centro educativo unha xornada de portas abertas. Nela, mostraríanselle ás familias as producións derivadas deste proxecto a través de paneis informativos, mapas conceptuais, debuxos, fotografías… e a documentación que recollesen os docentes durante todo o proceso.

 

Publicado en Sen categorizar | Deixa un comentario

Actividade: aforcado

Bos días a todos e todas! Hoxe queremos ensinarvos outra actividade máis do noso proxecto. Como se ve na imaxe, esta é un aforcado onde os nenos e nenas deberán ordenar as letras ata formar a palabra que se corresponde coa imaxe. Algúns exemplos serían: oceano, río, regato…

captura aforcado

Publicado en Sen categorizar | Deixa un comentario

Baile tradicional galego!

Ola de novo! Seguimos a traballar no noso proxecto e hoxe queremos presentarvos outra das actividades que estamos a deseñar. Nesta os nenos e nenas visualizarán un vídeo na pantalla dixital da clase, no cal se mostran e explican os pasos básicos de diferentes danzas tradicionais galegas: muiñeira, xota e polca, coa finalidade de que aprendan os pasos. Aí vai!

 Unha vez que os nenos e nenas teñan dominados os pasos que se mostran no vídeo,  deberán practicalos en pequenos grupos acompañados por un ou unha docente.

Publicado en Sen categorizar | Deixa un comentario

Sopa de letras dos diferentes bailes

Non paramos de traballar e hoxe temos preparada unha…. SOPA DE LETRAS!

Os alumnos e alumnas terán que atopar os nomes de diferentes bailes tradicionais galegos (xota, muiñeira, polca, maneo…) nun tempo máximo de tres minutos.

Aquí adxuntamos o vídeo do resultado final, esperamos que vos guste!

 

Publicado en Sen categorizar | Deixa un comentario

ACTIVIDADE: QUE INSTRUMENTO É?

Bos días a todos e a todas! Moitas das actividades do noso proxecto realizámolas a través da aplicación informática Ardora, que nos permitiu crear unha gran variedade de actividades de forma sinxela. Queremos mostrarvos unha delas, titulada “Que instrumento é?”.
captura actividad

Como podedes ver, esta actividade é moi sinxela: consiste en relacionar a imaxe dun instrumento tradicional galego coa súa palabra correspondente. Realizarase en gran grupo. Os nenos e nenas atoparanse sentados en semicírculo e levantaranse por quendas para marcar na pantalla dixital a opción que crean correcta.

Decidimos poñer soamente oito instrumentos porque esta é unha das primeiras actividades do proxecto, e cremos que é conveniente que os nenos e nenas comecen a traballar a temática da música tradicional galega a partir dos instrumentos máis coñecidos e destacados, aumentando a medida que avanza o proxecto a dificultade das diferentes actividades. Ademais, como é bastante sinxela, decidimos que os nenos e nenas terán catro intentos como máximo para realizar correctamente a actividade.

Como actividade complementaria a esta, os nenos e nenas levarán a cabo unha “Busca do tesouro” por toda a aula, coa finalidade de que atopen e manipulen os instrumentos traballados nesta actividade. Cremos que será unha actividade moi divertida para eles!

 

 

 

Publicado en Sen categorizar | Deixa un comentario

ACTIVIDADE INICIAL: CONTO

Bos días! Gustaríanos compartir con vós a actividade inicial do noso proxecto.

Como vos explicamos anteriormente, o noso proxecto non soamente abarca contidos sobre os instrumentos, as danzas e os ritmos tradicionais galegos, senón que tamén inclúe personaxes destacados da literatura galega. Así pois, para a actividade inicial do noso proxecto decidimos elaborar un conto baseado na infancia e xuventude de Rosalía de Castro, que explica os motivos polos cales ela podería ter escrito o poema “Adiós ríos, adiós fontes”.

Mostrámosvos a continuación o seu comezo:

portada rosalía1 pag rosalía

Publicado en Sen categorizar | Deixa un comentario

INTRODUCIÓN

Unha das tradicións máis destacadas de Galicia é a tradición musical. Existe unha gran variedade de ritmos musicais así como de instrumentos. Por unha banda, os instrumentos que se empregan na música galega son fundamentalmente os de vento e percusión. Entre os de vento, cómpre destacar a gaita galega como o máis coñecido e extendido. En canto á percusión, os instrumentos máis significativos son a pandeireta, o bombo, o tamboril ou o pandeiro, entre outros. Por outra, os ritmos máis representativos son a muiñeira, a xota, os alalás, as alboradas e as pandeiradas. Tamén é moi característico o aturuxo.

Así pois, neste proxecto os nenos e nenas traballarán contidos acerca dos instrumentos, ritmos e danzas tradicionais galegos así como personaxes destacados da literatura galega como son Rosalía de Castro, Castelao ou  Eduardo Pondal, empregando diferentes aparellos tecnolóxicos (ordenadores, pantalla dixital, cámaras…) e programas informáticos (principalmente Ardora), coa finalidade de que o alumnado aprenda de xeito lúdico e entretido.

Con este proxecto, esperamos que os nenos e nenas adquiran coñecementos sobre a música tradicional galega e mostren interese por ela, mellorando a súa vez as habilidades
no manexo das TIC.

 

banda gaitas

Aceptamos e agradecemos opinións, suxerencias, ideas… Moitas grazas!

Publicado en Sen categorizar | Deixa un comentario

MANTENDO A TRADICIÓN!

Ola a todos! Somos María, Jennifer e Andrea, estudantes do Grao en Mestre/a de Educación Infantil da Universidade de Santiago de Compostela.

Estamos a elaborar un proxecto sobre a música tradicional galega, para a materia de Procesos de Mellora e Uso das TIC, destinado a nenos e nenas de cinco anos.

Eliximos esta temática por varias razóns: a primeira é que cremos que o coñecemento das tradicións nos axuda a comprender a sociedade na que  vivimos, e o segundo motivo é que, como rapazas galegas e galegofalantes que somos, vemos que as novas xeracións están perdendo tanto a nosa lingua materna así como as nosas tradicións.

 

File:Galicia municipalities.png

Publicado en Sen categorizar | Deixa un comentario

Ola mundo!

Te damos la bienvenida a Blogs Climántica. Este es tu primer artículo. Edítalo o bórralo… ¡y comienza a publicar!

Publicado en Sen categorizar | 1 Comentario