Bos días a todos e a todas! Moitas das actividades do noso proxecto realizámolas a través da aplicación informática Ardora, que nos permitiu crear unha gran variedade de actividades de forma sinxela. Queremos mostrarvos unha delas, titulada “Que instrumento é?”.

Como podedes ver, esta actividade é moi sinxela: consiste en relacionar a imaxe dun instrumento tradicional galego coa súa palabra correspondente. Realizarase en gran grupo. Os nenos e nenas atoparanse sentados en semicírculo e levantaranse por quendas para marcar na pantalla dixital a opción que crean correcta.
Decidimos poñer soamente oito instrumentos porque esta é unha das primeiras actividades do proxecto, e cremos que é conveniente que os nenos e nenas comecen a traballar a temática da música tradicional galega a partir dos instrumentos máis coñecidos e destacados, aumentando a medida que avanza o proxecto a dificultade das diferentes actividades. Ademais, como é bastante sinxela, decidimos que os nenos e nenas terán catro intentos como máximo para realizar correctamente a actividade.
Como actividade complementaria a esta, os nenos e nenas levarán a cabo unha “Busca do tesouro” por toda a aula, coa finalidade de que atopen e manipulen os instrumentos traballados nesta actividade. Cremos que será unha actividade moi divertida para eles!